domingo, 22 de febreiro de 2015

Día 1

Dámosche a benvida aos 21 Días co Galego 2015, que contará con novidades que irás descubrindo.

A primeira delas é que cada día terás un reto que deberás cumprir e documentar da maneira que consideres conveniente. Os retos están pensados por compañeiras e compañeiros teus, esperamos que che gusten.

RETO 1: Dinos cal é a palabra galega que máis che gusta e explícanos por que. (Podes facelo en audio ou vídeo).

Nesta edición tamén fixemos algúns axustes para adaptarnos mellor ás túas posibilidades de dedicación, por iso, nesta ocasión só terás que realizar a gravación persoal cada dous días.

Hoxe, para arrincar, propoñémosche que reflexiones contigo mesmo/a sobre as seguintes cuestións.
  • Que che parece a (nova) proposta dos 21 días? 
  • Que reaccións percibiches entre os/as compañeiros/as ou na casa? 
  • Que usos fas ti habitualmente do galego? 
  • Que pasos xa deches hoxe para seguir a proposta? 
  • Pensas ampliar progresivamente os usos ou intentas xa falar galego sempre? Se xa seguiches o proxecto o curso pasado, tes en mente proceder da mesma forma? 
  • En que ámbitos (escola, amizade, familia, lecer...) ou con que tipo de persoas cres/sabes que che custará máis?

Ningún comentario:

Publicar un comentario